CORTOS Á MEDIDA

Hoxe propoño dúas curtametraxes de calidade que me inspiraron e me fixeron reflexionar. Para os que non as coñecían, anímovos a velas e deixarvos envolver por estas historias que non vos van roubar máis que uns minutos das vosas vidas. Se vos gustan, será tempo ben invertido.

Som pastor

Auténtica pureza, dedicación e humildade.

 

Minerita

Continua loita pola supervivencia. Dor. Coraxe. Pura dinamita.

Minerita (2013)

 

Por último, recomendar un documental que tiven a sorte de ver proxectado recentemente.

Frankestein-04155

Como espectadora, sentín un combinado de rabia, impotencia e aflición. Saín coa sensación de contemplar unha inxustiza da que ninguén tomaba parte…Pero agradecida de coñecer máis polo miúdo a outra cara do accidente de Angrois.

4155

 

X

“A muller nace libre e permanece igual ó home en dereitos”, Olympia de Gouge

Hoxe en día o pantalón non está vinculado a un sexo contreto, non obstante, foi unha prenda considerada de uso só masculino ata hai ben pouco.

Que as mulleres poidan usar pantalón sin ser xulgadas, é unha vitoria desapercibida na actualidade. Total, as novas xeracións xa nos veu feito. Para que molestarse en ir máis alá?. É sorprendente pensar que a maioría das nosas avoas non usaran pantalón na súa xuventude ou que en 1972 aínda houbera recelos con que as mulleres levaran esta prenda. Dá a sensación de que iso pertence a un pasado lonxano.

teddy-girls-13-960x623
Imaxe sacada de belelu.com

No ano 1800 existía unha diferenciación radical das apariencias polo sexo. Sin ir máis aló, en París había unha ordenanza do xefe de policía que prohibía o traxe masculino ás mulleres. O pantalón simbolizaba o masculinidade, así como os poderes e liberdades das que gozaban só os homes. Ademais, tiña unha gran significación política, pois a vestimenta diferenciaba o estamento social o que se pertencía.

O primeiro paso que deron as mulleres, foi a adopción dos calzóns como prenda interior por debaixo da saia. Era unha forma de protección. En 1851 en Francia, o pantalón entra en xogo nunha iniciativa feminista, usándose como arma política.

Algunhas das pioneiras no uso do pantalón son as feministas Olympe de Gouges, Amelia Bloomer ou Elisabeth Smith Miller. Cuxa labor fundamental foi a defensa dos dereitos da muller. A primeira delas, Olympe, queixábase de que a Revolución Francesa só contemplara cambios importantes para os homes.

En 1920, Madeleine Pelleiter, dixo : ” A miña vestimenta dille o home: eu son o teu igual”.

Como elas, foron moitas as que loitaron para que na actualidade as mulleres leven pantalón sen ningún problema. Non obstante, as pioneiras tiveron que soportar burlas e insultos, así como rexeitamento por parte da sociedade.

O principal obxectivo de que as mulleres levaran pantalón era a comodidade e unha maior seguridade, paralelamente a unha defensa a igualdade de xénero. O certo é que tamén supuxo unha revolución para a moda. Unha das diseñadoras máis destacadas por introducir esta prenda foi a recoñecida Coco Chanel.

 

Se estades interesad@s no tema, o libro La política del pantalón de Christine Bard profundiza en torno a esta cuestión.

X

 

 

Encontros na estación

 

IMG_2360

Estaba sentada esperando polo tren cando el pasou ó meu carón. Levaba unha mochila ó lombo e un sorriso nos beizos.

Andaba de puntillas, como se con cada paso quixera alcanzar as nubes. Pin pin pin. Entrou a saltiños no quiosco de prensa, e saíu do mesmo xeito, pero con tres revistas baixo o brazo. Pin pin pin.

A xente mirábao raro. Non fan falta palabras para definir esas olladas furtivas. Eu mesma podía sentir o peso da etiqueta que lle colgara a sociedade.

Quería dicirlle que ser diferente non era ser defectuoso nesta fábrica na que cortan a todos polo mesmo patrón, e que oxalá seguira camiñando dese xeito que inspira historias.

Non me atrevín. El subiu o tren.

As revistas que levaba eran todas de cociña. Sorrín. O olor da lasaña recén feita danzaba baixo o meu nariz.

 

X

Elena Ferro: “Queremos que o zoco esté á altura de calquera zapato bo”

Elena Ferro leva nas súas costas o peso de ser a terceira xeración dunha familia de zoqueiros. Este mesmo ano, o taller no que traballa cumpría o seu 100 aniversario cheo de vida. En parte, grazas a ela.

As súas mans foron capaces de converter unha peza tradicional que estaba en desuso, no último chío de moda. Pois detrás da súa marca Eferro, atópanse os zocos máis coloridos e orixinais dispoñibles no mercado, así como unha ampla variedade de marroquinaría.

Que unha das súas creacións gañase o Premio de Artesanía Contemporánea Antón Fraguas Fraguas, supuxo todo un recoñecemento ó seu esforzo. Non obstante, non subiu o ego dos integrantes deste oficio familiar tan honesto.

Eran as catro menos dez dun sábado cando puxen os pés en Merza, parroquia que se localiza no concello de Vila de Cruces e berce de Elena Ferro. É alí onde se encontra o seu taller-tenda, previamente sinalizado polo camiño.

Na entrada atopámonos co pai da entrevistada, a segunda xeración desta familia de zoqueiros, que moi amablemente nos convidou a entrar cun “pasade, pasade, Elena estará dentro”. Ao abrir a porta descúbrese un mundo de peles, ferramentas, coiros, productos á venta…Un espazo verdadeiramente acolledor.

elena ferro foto
Imaxe de El Correo Gallego

XianaComo é un día na vida de Elena Ferro dende que amanece ata que se deita?

Elena Ferro: A verdade é que iso nunca mo preguntaron, ja ja. Pois é como o de moitas persoas…Bueno, un pouco a miña vida así en xeral,o sentimento que teño é o de non desconectar. Estou sempre un pouco  traballando, non como outra xente que pode saír do seu traballo e non volve pensar máis niso ata que volve entrar. O meu é continuamente. Saío do taller pero vou pensando en montaxes para Facebook, ideas novas… E moitas veces, o traballo máis importante que fago non se me ocorre no taller. No taller o que fago é procesalas.

X: Pero tes un horario fixo de traballo?

Sí. Bueno, inténtoo. Facemos moitas horas. Chego ó taller aás 10 da mañá, estamos ata á una e media. Como en media hora e sobre as dúas e media xa estou no taller outra vez ata as oito da tarde. Cando temos feiras pois levántaste ás seis e media da mañá, e volves á casa pois a iso das doce da noite…Depende. No verán as feiras son máis cansadas. O que estamos intentando agora que está a cambiar a forma de venta é facer menos feiras e vender máis aquí, no taller.

X: Eres a cara máis coñecida da marca, en que momento tomas o relevo xeracional? É dicir, que sexa a ti á que se che coñeza.

Bueno, eu sempre estiven no taller, xa dende pequeniña. Para explicarche xa de onde sae a marca, cando eu tiña once ou doce anos, e aínda estaba no colexio, fixen un cuño que poñía Eferro. Daquela xa facía algunhas cousas de coiro (como pulseiras, monedeiros..) e  quixen poñerlle a miña marca. Pois a partir de aí, a cousa foi cada vez a máis. Despois fixen outro cuño mellor ca ese…E a marca ven de aí. Eu sempre me quedei no taller traballando. Cando se xubilou meu pai, que foi no 2001, xa foi cando quedei eu e tamén a miña irmá Teresa, que tamén está a traballar aquí. Pero a marca xa sempre quedou Eferro, xa que me encargo eu da parte creativa, do diseño e un pouco de todo.

X: E como é traballar en familia?

Está moi ben, é moi bonito. Pero bueno, eu creo que como en todos os traballos, hai que intentar levarse ben, o mellor posible, porque a parte de traballar, comemos xuntos…

X: A verdade é que é moito tempo xuntos…

Xa. Pero iso, hai que intentar levarse o mellor posible. Pero bueno, no noso caso eso vai funcionando ben. Imaxínate que con todo o tempo que pasamos xuntos discutíramos moito…Pero non, non discutimos. Ás veces temos as nosas cousas pero como todos. Antes só estábamos a familia, agora temos máis xente traballando…pero ó final coma se foran da familia. Non deixa de ser un taller pequeno.

Cando un entra no universo do taller non repara no seu tamaño. Só é capaz de contemplar con admiración todo o que hai ó seu redor. O espazo é un equilibrio entre o tradicional e o moderno, unido polo fío do agarimo. A venta faise de maneira persoal, como se foses un vello amigo ao que se alegran de ver. Alí eres un individuo con identidade, non unha cifra do beneficio total.

X: Viches disminuídos os prexuízos que había cara ós zocos?

Sí, claro. En pouco tempo pasouse de que ninguén quería zocos e todo o mundo se ría deles, a rirse porque lle gustan. Agora ata a xente máis reacia, como están de “moda”, tamén os queren. Iso é un pouco a parte máis bonita e máis interesante. É un oficio que estaba a punto de desaparecer, e na actualidade reactivouse e funciona. Agora xa hai máis xente que fai zocos, dende que nós os volvemos pór en circulación. E iso é moi bo.

X: Ousexa, a competencia afrontádela de maneira positiva?

Sí, por suposto. A competencia é boa. Porque se non acomódaste. A parte de que cando hai demanda de algo, é porque algo funciona. Nós non somos una fábrica de facer zocos. E hai xente para todos os gustos, haberá a quen lle gusten os nosos zocos e a quen lle gusten outros.

X: Por que pensas que se puxeron de moda os zocos?

Eu creo que foi un pouco polos diseños que nós empezamos a usar, as peles que empregamos, con estampados animais, de pelo…E como xa tiñamos un bagaxe moi grande indo a moitos sitios e a moitas feiras…Pois uns foron comprando os zocos, outros fóronos vendo. E así empezaron a gustar. O máis importante é que o boca a boca funcione. Se hai algo de calidade, a xente comeza a falar ben diso. Pequenas notas de prensa e as redes sociais. As redes sociais foron como o empuxón final.

X: Con eses montaxes que hai no Facebook…

Sí. Iso empeceino facendo como un pouco de broma, como algo que a min me relaxaba e me quitaba de pensar en modelos exclusivamente de zocos. E con esas montaxes diferentes e divertidas pois sácaslle un sorriso á xente, que iso tamén é importante. Non significa que todas as persoas que lle dan a gústanme ou que sigan a nosa páxina compren zocos pero o importante é que saiban que hai zocos. E que asocien como fan agora, que non din quero uns zocos, din quero uns Eferro, e iso xa significa que son zocos. Conseguir iso é moi difícil. Moita xente pensa que lle pagamos a un creativo para que faga as montaxes, pero facemos todo aquí cas cousas que nós temos o noso alcance. E iso foi como o empuxón, porque cando vían os zocos sólos era como bueno, sí, bah..Pero en canto viron toda a creatividade que había detrás diso, pois como que reforzou a idea.

X: Pero hai moito traballo detrás.

Claro, e tamén hai moita xente que pensa que se nos ocorreu facer zocos de hoxe para mañán. E non. Chegar ata onde estamos agora non foi así dun día para outro.

X: De onde sacabas a forza cando a xente che dicía por que seguías sendo zoqueira se xa non se vendía, non valía para nada, ou cando non gustaban..De onde sae esa actitude tan positiva?

Non sei, penso que por crer no que fas. Claro que se riron moitas veces dos zocos diante miña. E ás veces penso cando ven algunha xente que é o prototipo de persoas que fai dez anos se riría por completo dos zocos tradicionais, faime gracia, mira ti, nunca podes cuspir para arriba, porque…Pero iso forma parte tamén da ignorancia. Os zocos claro que eran un calzado que era da xente do campo, máis pobre materialmente pero non culturalmente.. Pois rirse diso non está ben. E moita xente pasou de comprar zocos a escondidas a ser un luxo. Aínda que están ó alcance de case todo o mundo, nos intentamos axustar os prezos. Pero queremos que o zoco esté a altura de calquer zapato bo, de calidade.

X: É dicir, que teñan valor

Iso, que teñan valor. Que están feitos con bos materiais, calidade e garantía. Sacalos de onde estaban e poñelos a altura de calquer zapato. O noso obxectivo nunca foi que se convertiran nun calzado de moda, senón que esté aí, se alguén quere zocos, que saiba que hai zocos. Non que digan ah! Era aquel calzado que usaban na aldea…Entonces pois no meu caso será tamén porque me gustaba facelos e nunca me avergoncei do que sabía facer, porque cría niso e facendo pequenos cambios, pois diferenciábanos a parte da marroquinería. Ninguén os facía e tiñamos que aproveitar ese recurso que tiñamos en vez de tiralo ó lixo.

X: Agora unha pregunta máis xeral. Como ves a situación da artesanía galega? Consideras que agora ten máis prestixio que antes?

Sí, moito mellor. Dende fai dez anos para aquí ou así está mellor. Valórase máis, xa non se busca tanto o prezo máis baixo das cousas, senón a exclusividade. Productos diferentes e co valor engadido de estar feito a man. Antes non había esa concepción, aínda que había xente que o valoraba. Agora, ó ver que algo está feito a man, pois xa non se regatea como anos atrás. E bueno, iso axuda moito a hora de poder vivir disto.

X: Que pensas que influenciou ese cambio de concepción da artesanía?

Pois creo que un pouco todo. Empezar a primeiro a valoralo dende o propio artesán, que moitas veces nin el mesmo lle daba o valor que tiña. Era algo como bueno, fago esto pero non ten mérito. A xente en xeral quere escapar da masificación, que parece que todos imos iguais. Nótase nas feiras as que acudimos, aí é onde se ve.

X: Que papel xoga a muller neste sector? Hai desigualdades como noutros?

Sí, home.

X: Por exemplo?

Non tanto á hora da fabricación, pero vas a unha feira e xa o notas. Por exemplo, non sabes en que posto che toca, pois é diferente o trato que recibes. E bueno, eu dende pequena sempre o teño notado. Xa só nos sitios os que imos comprar materiais, por suposto que non te tratan igual. É diferente se vou eu soa a si ven meu pai comigo. Se vai meu pai é dunha maneira e se vou eu soa son a nena. E iso, vamos, parece mentira que hoxe en día exista. En moitísimos aspectos, non é necesario afondar. Creo que en calquer traballo sucede.

X: Xa para rematar, se non foras zoqueira que che gustaría ser?

Pois non sei…Hai moitas cousas que me gustan. Por exemplo cociñeira ou xardineira. Non sei. Case que cociñeira. Gústame moito ver cociñar, paréceme bonito. Gústanme os libros de cociña. Case nunca cociño, pero cando o fago reláxome e gústame. Penso que podería ser un oficio que se me daría ben.

X

Todos a cuberto

bataclanImaxe da BBC

Unha bágoa que se escapa, unhas mans que se atopan ou unha aperta que celebra a vida. As emocións están a flor de pel, e non é para menos.

París, a capital francesa, está de luto. O terror está sementado despois dos tiroteos en bares e restaurantes, as explosións cerca do Stade de France e a toma de reféns en Le Bataclán. A cifra de mortos ascende a 129, o número de feridos a 352 e os danos morais son incontables.

Descoñécese cantos foron os executores da masacre, pero sábese que había menores entre os oito terroristas que morreron no atentado. A inconsciencia e a loita por unha causa que consideraban xusta levounos de cabeza ao cadaleito. Ninguén lle limpará xa as mans cheas de sangue.

O desexo de vinganza foi o que levou a Francia a lanzar un ataque aéreo sobre Siria. A represalia produciuse só un día despois ó acontecido no territorio galo. O mundo caeu na trampa tentadora de castigar con violencia a violencia. Entrou no xogo da crueldade, do medo, dos culpables, dos prexuízos, da dor…En definitiva, da morte.

Os depredadores políticos non desaproveitaron a ocasión para facer campaña. Nalgúns discursos defendíase o uso de armas, condenaban unha relixión ou animaban a poñer máis trabas aos refuxiados. En situacións como esta, a dereita percébese como un oasis no medio do deserto da inseguridade. Non obstante, non deixa de ser unha alucinación.

Xa dicía Sebastian Casteillo que ” matar a un home non é defender unha doutrina, é matar a un home”. E iso serve para os que executan en nome dun Deus ou para os que disparan a metralla berrando liberdade.

Un bramido que se afoga na gorxa, uns pés que tropezan ou un bico de esperanza. Na dor non existen fronteiras, e son moitos os que veñen escapando dela. Non o esquezas. 

X

O gaiteiro traspasa fronteiras

 

Nunha das miñas primeiras entradas recomendaba  o seu libro, “El peor mejor momento de mi vida”. Facíao dende unha profunda admiración a unha prosa  coidada, pura, humorística e cargada de significado. En fin, posuía un estilo literario maxistral.

Estaba enfermo e as súas verbas transpiraban forza.

Loitou.

E a vida escapóuselle nun suspiro de gaita.

O xornalista Nacho Mirás vaise para non volver. El , que sempre tiña unha palabra para o lector, deixanos mudos. Custa dixerir que non haberá máis rabudo.

Non o coñecín como persoa, pero como profesional podo dicir que é todo un exemplo e unha inspiración ter referentes coma el. Porque tanto en La Voz de Galicia, como no seu blog ou no seu libro, soubo marcar a diferencia. Só uns poucos teñen o talento de facernos vibrar co que escriben.

Por el,

pola valentía,

polo inxenio,

por poder telo vivo dentro de nós.

 

X

 

Caravana feminista

A IV Acción Internacional da Marcha Mundial das Mulleres ten como obxectivo visibilizar as loitas e resistencias das mulleres. Para iso, conta ca Caravana feminista, que saíu de Kurdistán( Turquía) o oito de marzo deste ano , cruzou Europa e rematará en Portugal o dezasete de outubro.

Este mércores día sete, fixéronse oír en Santiago de Compostela. A xornada comezaba ás cinco e media da tarde cunha batukada que saía dende San Lázaro ata a Galería Sargadelos da Zona Vella. Dentro do local, tiveron lugar unha serie de coloquios a cargo de Encarna Otero, Pura Seoane, Rebeca Raso e Mai de Lésbicas Creando. Para finalizar o acto, realizouse unha concentración  na Porta do Camiño .

12162749_580812828735992_895132875_o

Fotografía de María Losada

É un evento precioso, no que homes e mulleres se xuntan para protestar pola violencia de xénero. Non hai dereito a que ningunha persoa sufra discriminación polo seu sexo, a que os gobernos non tomen medidas ante ás víctimas do machismo, a que haxa un descoñecemento do que acontece, a que se reduzan as campañas de sensibilización… Hai que reclamar o que é noso.

As charlas que houbo en Santiago na Galería Sargadelos foron do máis interesantes. Entre elas a de Encarna Otero que introduciu a verdadeira historia das Marías( pincha aquí) ou Pura Seoane a necesidade de promover os productos locais que se ofertan nas prazas de abastos. Isto sen esquecer as voces de Alba María e Mónica de Nut que acompañaron o acto.

A Caravana aínda percorrerá Allariz, Ourense e Vigo dentro do territorio galego, polo que vos animo a todos e todas a ir. Xuntos somos máis fortes.

” Seguiremos en marcha ata que todas sexamos libres”

X