THE TRUE COST: quén paga o prezo da nosa roupa?

Despois de meses sen publicar nada no blog, hoxe sentín que era un bo día para compartir neste espazo unha reflexión na que levo tempo matinando.

Todo empezou cunha simple pregunta: Vivo acorde cos meus valores?

A resposta, por moito que me pesase, era non.

Estaba vivindo cunda venda nos ollos que me impedía ver ata que punto son incoherente coa miña forma de pensar. Por que? Porque é moito máis cómodo tomar unha decisión sen ter que cuestionarse todo o que pode haber detrás. Falo, por exemplo, dos hábitos de consumo. É moito máis fácil e barato ir ao supermercado a comprar unha bandexa plástica con froita que se recolle noutro país, que ir a unha tenda ecolóxica próxima ou ao mercado, onde non sempre teñen o que buscas.

E o mesmo pasa coa roupa. Cuestión na que me quero centrar nesta entrada, aínda que xa sei que o meu enfoque é do máis impopular.

The True Cost Screening & Post-film Panel Discussion ...

Tardei tempo en ser consciente do que supoñía comprar unha camiseta a 5 euros feita en Bangladesh. A miña nai niso lévame ventaxa. Foi ela a primeira persoa á que vin mirar as etiquetas para saber onde estaba feita unha prenda, e en función diso, decidir se a compra ou non. Os principais motivos eran a deslocalización da industria téxtil (en Lalín sábese ben o que é iso) e a posible explotación que sufrían moitas das traballadoras (incluso menores) noutros países nos que non hai unha lexislación que garantice unhas condicións de traballo dignas.

Pese a ter un exemplo a seguir na miña propia casa, non foi ata hai pouco que a realidade me explotou na cara. Estaba sendo cómplice do sistema do que tanto me queixaba.

O punto de inflexión foi o día que descubrín o documental The true cost. Impactoume tanto pensar que cando vía un pantalón bonito só contemplaba o produto final sen ter en conta todo o que había detrás, que tomei a decisión de que quería ser máis consciente á hora consumir. 

Polo que quero ir un paso máis alá.

Eu considérome unha feminista con moito por aprender, pero con moi boas intencións. Por iso mesmo, quero procurar deixar de ser cómplice das empresas que non están garantizando unhas condicións de traballo dignas para as mulleres que traballan nelas. Porque non nos enganemos, non deixa de ser unha das escravitudes camufladas do século XXI.

Sei que será imposible non volver mercar roupa que esté feita na outra parte do mundo, pero polo menos quero que esa sexa a miña última opción. Porque necesito ser coherente comigo mesma, e para iso, os meus principios teñen que ser algo máis que meras utopías na miña mente.

Mañá, 8 de marzo, espero que o parón de consumo sirva para reflexionar sobre a importancia que temos na economía as que compramos, pero sobre todo, non esquecernos das que están producindo a miles de quilómetros.

Porque sí, elas tamén son compañeiras da mesma loita. 

X

 

 

 

 

 

 

Advertisements

Tal día como hoxe

En 1975 a Asamblea Xeral das Nacións Unidas estableceu como Día Internacional da Muller o 8 de marzo, non obstante, esta reivindicación xa se remonta ó 1911.

Foi en 1857 cando as nosas compañeiras xa se botaran a rúa para protestar as súas pésimas condicións laborais. Elas, traballadoras do sector téxtil, estaban fartas.  Tamén o estaban as costureiras que en 1908 iniciaron unha folga que rematou cun incendio e máis de 120 mortas. Ambos sucesos tiñan lugar en Nova York.

Pero no 1910 tamén en Barcelona se levaba a cabo a primeira manifestación multitudinaria de mulleres da historia catalana e española.

Ten graza. Esas adiantadas para a súa época que decidiron non calar, foron tachadas de radicais, de putas, de bruxas, de escoria…(por certo, insultos que a día de hoxe se empregan para as feministas). Esas mulleres as que nos nosos días lles temos que dar GRAZAS por todo o que conseguiron e non puideron disfrutar, pero que nós sí podemos. E debemos facelo.

Así como seguir loitando pola igualdade de dereitos e de condicións en todos os ámbitos vitais, porque o feito de ser muller non te convierte nun ser inferior. Por iso, aínda que os avances que se foron conseguindo o longo da historia son moitos, aínda quedan incontables  espazos que percorrer. E non nos podemos permitir dar un só paso atrás.

Un oito de marzo de celebración será aquel no que a igualdade sexa unha realidade, e non unha utopía. Pero iso, só virá da man de todas e todos.

Mentres , en pleno século XXI, seguirán existindo campañas vergoñentas coma esta:

IMG-20160307-WA0011[1]

 

“O opresor non sería tan forte

senón tivese cómplices nos propios oprimidos”

Simone de Beauvoir

X

Todos a cuberto

bataclanImaxe da BBC

Unha bágoa que se escapa, unhas mans que se atopan ou unha aperta que celebra a vida. As emocións están a flor de pel, e non é para menos.

París, a capital francesa, está de luto. O terror está sementado despois dos tiroteos en bares e restaurantes, as explosións cerca do Stade de France e a toma de reféns en Le Bataclán. A cifra de mortos ascende a 129, o número de feridos a 352 e os danos morais son incontables.

Descoñécese cantos foron os executores da masacre, pero sábese que había menores entre os oito terroristas que morreron no atentado. A inconsciencia e a loita por unha causa que consideraban xusta levounos de cabeza ao cadaleito. Ninguén lle limpará xa as mans cheas de sangue.

O desexo de vinganza foi o que levou a Francia a lanzar un ataque aéreo sobre Siria. A represalia produciuse só un día despois ó acontecido no territorio galo. O mundo caeu na trampa tentadora de castigar con violencia a violencia. Entrou no xogo da crueldade, do medo, dos culpables, dos prexuízos, da dor…En definitiva, da morte.

Os depredadores políticos non desaproveitaron a ocasión para facer campaña. Nalgúns discursos defendíase o uso de armas, condenaban unha relixión ou animaban a poñer máis trabas aos refuxiados. En situacións como esta, a dereita percébese como un oasis no medio do deserto da inseguridade. Non obstante, non deixa de ser unha alucinación.

Xa dicía Sebastian Casteillo que ” matar a un home non é defender unha doutrina, é matar a un home”. E iso serve para os que executan en nome dun Deus ou para os que disparan a metralla berrando liberdade.

Un bramido que se afoga na gorxa, uns pés que tropezan ou un bico de esperanza. Na dor non existen fronteiras, e son moitos os que veñen escapando dela. Non o esquezas. 

X

Caravana feminista

A IV Acción Internacional da Marcha Mundial das Mulleres ten como obxectivo visibilizar as loitas e resistencias das mulleres. Para iso, conta ca Caravana feminista, que saíu de Kurdistán( Turquía) o oito de marzo deste ano , cruzou Europa e rematará en Portugal o dezasete de outubro.

Este mércores día sete, fixéronse oír en Santiago de Compostela. A xornada comezaba ás cinco e media da tarde cunha batukada que saía dende San Lázaro ata a Galería Sargadelos da Zona Vella. Dentro do local, tiveron lugar unha serie de coloquios a cargo de Encarna Otero, Pura Seoane, Rebeca Raso e Mai de Lésbicas Creando. Para finalizar o acto, realizouse unha concentración  na Porta do Camiño .

12162749_580812828735992_895132875_o

Fotografía de María Losada

É un evento precioso, no que homes e mulleres se xuntan para protestar pola violencia de xénero. Non hai dereito a que ningunha persoa sufra discriminación polo seu sexo, a que os gobernos non tomen medidas ante ás víctimas do machismo, a que haxa un descoñecemento do que acontece, a que se reduzan as campañas de sensibilización… Hai que reclamar o que é noso.

As charlas que houbo en Santiago na Galería Sargadelos foron do máis interesantes. Entre elas a de Encarna Otero que introduciu a verdadeira historia das Marías( pincha aquí) ou Pura Seoane a necesidade de promover os productos locais que se ofertan nas prazas de abastos. Isto sen esquecer as voces de Alba María e Mónica de Nut que acompañaron o acto.

A Caravana aínda percorrerá Allariz, Ourense e Vigo dentro do territorio galego, polo que vos animo a todos e todas a ir. Xuntos somos máis fortes.

” Seguiremos en marcha ata que todas sexamos libres”

X

Nin con mordaza me poden calar

A finais do pasado ano, o Partido Popular aprobaba en solitario a Lei Orgánica de Seguridade Cidadá, fronte aos demais grupos da oposición. O contido da norma levantou polémica e remuíños de críticas.

Entre as finalidades desta lei, recollidas no BOE, destaca a protección do libre exercicio dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas e os demais dereitos recoñecidos e amparados polo ordenamento xurídico, a garantía do normal funcionamento das institucións, a preservación da seguridade e a convivencia cidadás, a pacífica utilización de vías e demais bens demaniales e, en xeral, espazos destinados ao uso e goce público ou a garantía das condicións de normalidade na prestación dos servizos básicos para a comunidade.

Sen embargo, é contradictorio que a lei defenda a liberdade do individuo cando entre as medidas que a integran, atópanse restriccións e trabas ao libre exercicio de protesta. Un dos dereitos do cidadán é manifestarse para amosar a súa desconformidade e descontento, xa sexa de maneira individual ou colectiva. Quen é digno de limitar ese recurso contra o poder si se exerce de maneira pacífica?

Outra das finalidades cuestionadas é a da transparencia na actuación dos poderes públicos en materia de seguridade cidadá. Isto vai en serio? Entón por qué se considera unha falta grave a grabación da policía na súa actuación? Que se corra un tupido velo sobre como os axentes da seguridade exercen o seu traballo, para que sigan sendo moitas veces infractores potencias da propia norma. Non se poden esquecer os vídeos filtrados onde aparecían policías pegando a manifestantes, acaso a poboación sería consciente deste fenómeno se non houbera un obxectivo que captaba a realidade?

As faltas que pasarán a ser castigadas con multas administrativas, antes eran incluídas no Código Penal e sancionadas ca intervención xudicial. Está xustificado que impedir un desahucio poida costar ata 30000 euros de multa? ou, que unha manifestación non comunicada se sancione ata con 600000 euros? Sen dúbida, a Lei de de Seguridade Cidadá non é propia dunha democracia.

” Hai xente que está en total abandono e encima oblíganlle a seguir as reglas do xogo. Como a cidadanía quere manifestar a súa indignación, a Administración crea medidas para que se calen”, afirma Wyoming, presentador de El Intermedio. 

X

Triste época a nosa! É máis doado desintegrar un átomo que un prexuízo, Albert Einstein

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea sentenciou esta semana que os homosexuais poderán ser excluídos da doazón de sangue. A fundamentación reside en que os homes que manteñen relacións sexuais con outros homes, teñen unha gran probabilidade de contraer enfermidades infecciosas.

Pincha aquí para ler a noticia

O consentimento por parte da Unión Europea á exclusión dun colectivo da sociedade, neste caso, os homosexuais, na doazón de sangue, dá moito que pensar a redor dun órgano que leva na súa denominación a palabra xustiza. A orientación sexual dun individuo non ten ningún risco, en todo caso, o perigoso serán as precaucións que non se tomen á hora de manter relacións sexuais. Acto que implica a toda a sociedade, pois os heterosexuais non teñen por qué ter mellores condutas polo feito de selo.

Para a doazón de sangue, é válido todo aquel que pase os análises pertinentes, polo que a prohibición a priori dun colectivo pola súa condición sexual non é algo razoable.
Retrocedemos así, outro paso máis na igualdade pola condición sexual, sen darnos conta dos valores que isto transmite a poboación. Hai que valorar á persoa que está dando unha parte de sí para axudar a outra que nin coñece, que contribúe a posibilidade de salvar unha vida, de mellorar a saúde do próximo. Porque está colaborando como cidadán, sen importar as súas preferencias persoais.

Se o problema está no risco de que o sangue estea infectado, por qué non reforzar a importancia da toma de precaucións nas relacións sexuais? A concienciación é a verdadeira solución. Sen embargo, prefírese a marxinación dun grupo á educación dunha poboación que sexa libre e responsable. Cada un de nós escolle como quere vivir, non permitamos que ninguén se quede sen ese dereito por non ter sangue no goteiro.

X

Atrapada entre etiquetas que nunca escollín

A medida que crecemos, a sociedade e os medios de comunicación van establecendo os moldes de cómo debemos ser. Debuxan a plantilla da nosa vida e encárganse de tacharnos cun bolígrafo vermello cando nos salimos do patrón estipulado. E logo, fánnos crer únicos deseñadores do boceto. Liberdade artificial flotando entre límites invisibles.

Cando os teus ollos son capaces de ver as liñas trazadas, as túas mans teñen a posibilidade de cambialas. Ser quen eres e non o que os demais queren que sexas. Porque eres TI o que colle o lápis.

abstracto

Cito aquí uns versos de Yolanda Castaño:                                                                                     Cando deixo de ser flor,                                                                                                                       molesto.

Por último, quero mandar o meu máis sincero ánimo aos máis próximos a traxedia aérea, que nos oprimiu o peito a todos nós.

X.