Fábula contemporánea

Un segundo, dous segundos, tres segundos…

Non dou respirado. Socorro. Axuda.

-glup glup glup-

Respiro de novo. Que gusto dá. Aínda sinto o corazón latíndome na boca. Estiven a piques de morrer, menos mal que me deixaron marchar.

Cando o conte, non me van crer. “Que dis, ho? Xa andas coas túas historias? Anda, vai dar unha volta ata a ribeira do río que che fai falla despexar a cabeciña”

Sei que tamén se han rir pensando que é outro dos meus inventos. Iso pásame por prestarme a contar lendas e fábulas á tardiña para os máis pequenos. Non importa, que non me crean se non queren. Eu sei o que pasou, e voullo advertir (…)

–  (Carraspeo) Teño algo que contarvos! Aínda estou temblando. Veredes, estaba eu dando un paseo cando noto unha man que me colle e me saca da auga. Eu non vía nada, pero escoitei a voz dunha muller que berraba: “Manolo, home, bota unha risa carallo! Que che estou gravando un vídeo para Facebook como que estás falando co salmón”.

lengua_de_agua_28806652865029

X

Advertisements

A lingua galega; herdanza e proxección cara ó futuro

Comprendemos a cultura como algo que recibimos, que somos, mais tamén como algo que facemos e que queremos ser.A lingua propia forma parte da nosa identidade cultural, e como escribía Castelao, “non esquezamos que se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”

O galego é a lingua da resistencia. Despois de moitos anos de mala evolución no uso, implantación e prestixio social, continúa en pé como supervivente dunha batalla lingüística que parece non rematar nunca.

Os datos  falan de por sí. Segundo o Instituto Galego de Estadística (IGE), menos da metade da poboación usa o galego de forma habitual. Concretamente, no 2013 só o 30,84% das persoas responderon que empregaban o galego “sempre”.

O máis preocupante deste retroceso á hora de empregar a lingua propia  é que se acentúa segundo baixa a media de idade. Por pór un exemplo, a porcentaxe máis baixa de galegofalantes dáse dos 5 ós 14 anos cun 13,20%, seguida da franxa dos 15 aos 29 cun 19,78%. Se as novas xeracións non se identifican co galego, cómo poderá sobrevivir o idioma no futuro?

Ante esta complexa situación lingüística, empezan a xurdir voces novas no panorama cultural galego que buscan defender a lingua da mellor forma posible: comunicándose con ela.

 Un exemplo é o grupo de rap galego, SonDaRúa, creadores do tema En galego non mola, que  compuxeron para o concurso de novos valores do Festigal deste ano, inspirados “no auto-odio e neses mitos absurdos que existen para infravalorar a nosa lingua”. Unha canción que tivo boa acollida entre o público, xa que é o vídeo con máis visitas no seu canal de Youtube. A proba definitiva de que gustou, aseguran que foi “cando un día facendo cola no banco, a un home duns cincuenta anos, sonoulle o teléfono, e tiña En galego non mola de tono de chamada”.

Para estes dous mozos, Álex Arnoso e Hugo Guezeta, o galego é “unha matriz inesgotable. Unha lingua sempre é riqueza, e no noso caso temos a sorte de termos unha propia, tarefa nosa é empregala e defendela. A lingua é en resumo, a nosa forma de expresarnos como pobo diferenciado no mundo e a base da nosa cultura”.

O galego, lingua cooficial de Galicia

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado en 1981, recoñece o galego como lingua propia de Galicia e cooficial da comunidade, que “todos teñen o dereito de a coñecer e usar” e, ao mesmo tempo, responsabiliza os poderes públicos da normalización do galego en todos os ámbitos. A Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade o 15 de xuño de 1983 no Parlamento de Galicia, garante e ordena os dereitos lingüísticos dos cidadáns, especialmente os referidos aos ámbitos da Administración, a educación e os medios de comunicación.

Pese a oficialidade destas palabras, a escritora Lara Dopazo, pensa que a caída de falantes se debe “ás políticas lingüísticas. Non se fixo ningún esforzo por facer que o número de falantes se mantivese ou medrase, como se fixo co caso do éuscaro, que é un caso paradigmático, sobre todo tendo en conta que se trata dunha lingua non romance”

 Un resposta á que o poeta Antón Blanco engade, “a política lingüística vai claramente en contra do galego. Hai moitos anos que se está empregando un discurso que non serve. E non serve porque os datos están aí. A resposta ante os datos é culpar á xente de non ter compromiso co idioma. É como se suspendes un exame pero comezas a convencerte a ti mesmo de que a culpa non é túa, que é do profesor. Hai que ser autocríticos sempre. Creo que temos que deixar de mirar con lástima o galego e de facer coma quen está mendigando por falantes. Temos que darlle unha nova vida de verdade. A administración non é a responsable de que iso pase. Non podemos esperar que nos caia nada do ceo. É necesario un cambio na sociedade para que todo o demais cambie e iso só se pode dar de abaixo cara a arriba”

Polo tanto, as políticas de revitalización dun idioma son claves na sustentabilidade da comunidade cultural en varios sentidos: factor de identi­cación común, nexo de continuidade cunha rica tradición e historia e activo para o desenvolvemento dunha comunidade de comunicación.

“O que non se pode facer é que dende a principal administración autonómica ollen impasibles namentres o número de falantes cae cada ano, semella que é o que pretenden, converter a lingua en simple folclore co que cumplir dous días ao ano”, SonDaRúa

 Perspectivas de futuro 

Na era globalizada e dixitalizada na que vivimos, unha maneira de chegar á poboación máis nova é a través de referentes. Así o pensa Antón Blanco, que considera que “son moi necesarios, pero non calquera tipo de referente. Teñen que ser referentes pola súa actividade, non pola lingua en que falan. Tampouco non vale que estean a dicir en todo momento que o fan en galego. Fan falta escritores, músicos, youtubers que fagan o seu traballo en galego porque este é o seu idioma e punto. Niso consiste a normalización”.

 No ámbito social, a solución que defenden todos os entrevistados é que hai que traballar na idea da igual dignidade de todas as persoas e culturas. O galego non é unha lingua secundaria, nin inferior. Por iso, están de acordo en que Galicia precisa enfocar os seus esforzos na educación para conseguir acabar co auto-odio cara ó idioma propio, que é algo que desgrazadamente segue estando no subconsciente colectivo.

 Dende o seu punto de vista, SonDaRúa, pensa que a solución para que a lingua sobreviva e alcance o prestixio que merece é “por unha banda empregala en tódolos ámbitos da nosa vida cotiá, sen medo, sen reticencias e con orgullo. Por outra parte, tamén sería básico que o peso da lingua galega na ensinanza pública en tódolos níveis fose o que debería for. Xunto con estes dous piares básicos habería moito máis por facer e co que sumar (xornais, canles de tv, radios, música, etc..). Como ben se dí, “loitaremos polo idioma, porque a loita significa que hai esperanza

 

*Anotación: Este artigo escribino en Decembro do 2017 para unha materia na que tiña que desenvolver unhas pautas concretas. A pouca marxe que tiña para elaboralo fixo que me tivese que centrar en dúas fontes masculinas (os únicos que responderon a tempo). Contactara con outras dúas rapazas que no último momento non puideron participar, polo que para meter unha voz femenina empreguei unha breve declaración de Lara Dopazo que corresponde a outro traballo que fixen sobre o uso do galego.                                            Admítense críticas constructivas para poder mellorar en futuros traballos. 

X

A LESMA NA BERZA

Chega a hora de facer a compra. Colles a cesta e decides empezar polos vexetais, porque sí, ti tamén te deches á vida sana, que está de moda. Especialmente despois de saber que unha muller gardou un Happy Meal durante seis anos e este aguantou o paso do tempo de forma impoluta. Entón, desconfías desa inmortalidade calórica e prefires darte ó verde.

Resultado de imagen de happy meal guardado durante seis años
Imaxe sacada dun xornal

Pero cando chegas a casa e sacas a berza, descobres que ven con sorpresa. O ser que alí habita tranquilamente na túa comida sobra tanto como Donald Trump na política americana ou como Rajoy en Pontevedra. E ti, como bo cidadán, que podes facer coa lesma que tes entre as mans?

Finalmente, recordas unhas palabras do teu presidente, que cun dominio exquisito da linguaxe declarou: “somos sentimentos e temos seres humanos”.  Ablandada por esa manifestación pública de empatía, decides deixala vivir na maceta da terraza sen hipotecas.

 

( Mini-sección irónica de actualidade escrita hai varios meses para unha materia de clase)

X

Perder non sabe a derrota

IMG-20150925-WA0038

Levamos toda a vida amando a palabra, sen ser conscientes do seu feitizo. Observamos a realidade a través de letras que expresan o que ven os nosos ollos, tocan as nosas mans e saborea a nosa lingua. Nós mesmos existimos dende o momento que temos nome.

Amamos as palabras porque nós estamos compostos delas. Namorámonos con versos, deitámonos en prosa, vivimos entre os espazos dunha obra de teatro e dicimos adeus dende a soidade do ensaio.

(Texto presentado ao concurso de Feiraco polas Letras Galegas)

Xiana Meda.

Reinventarse escríbese con Z

Cando unha persoa chega a unha determinada idade, dáse por sentado que a súa situación laboral ideal será a estabilidade. Non obstante, esta norma que parece aplicable na maioría dos casos, é da que escapa a protagonista desta reportaxe

 

DSC_0100

 

No ano 2010 publicábase unha enquisa que afirmaba que o 72% dos españois quere ser funcionario fronte a un 4% que prefería ser empresario. Aínda que esta última porcentaxe experimentou nos seguintes anos unha subida entre a xente nova, para moitos emprender segue a constituír un risco que non están dispostos a asumir.

Por iso, que haxa persoas que naden a contracorrente resulta excepcional. É o caso de Cruz López, a artesá que está detrás Planeta Tres Zetas.

Todo ten un principio

Hai máis ou menos dez anos que Cruz comezou de xeito casual a realizar para o seu propio uso  complementos como pendentes, colares, pulseiras… Ao principio estas pezas eran sinxelas e pouco elaboradas, pero xa con certo gusto. Así, empezou sendo ela mesma a que poñía as súas creacións, chamando a atención de amigas e coñecidas. Posteriormente, pasou a regalar cousiñas que facía ata que as preguntas polos prezos se fixeron habituais. Animada polo favorable da situación e os seus seres queridos, decidiuse a crear a súa propia marca.

IMG_1203

O nome de Planeta Tres Zetas non foi froito da casualidade, senón unha opción meditada. A primeira palabra vén de que a súa nai de pequena sempre lle dicía “vives no teu propio planeta” e o de tres zetas é porque tanto o seu nome como apelidos rematan nesa letra ( Cruz López Martínez). A combinación destas tres palabras é algo persoal da artesá, o que lle outorga diferenciación entre os seus compañeiros de gremio.

O proceso de creación

Chama a atención que entre todas as xoias que oferta exista tanta variedade de deseños e modelos. Hai que ter moita imaxinación para estarse renovando continuamente sen perder a esencia que a caracteriza. Para iso, ela di que se inspira “no que  me rodea e me gusta: a arte, o cine, as paisaxes que coñezo e as que me gustaría coñecer (de feito a miña última colección está inspirada en África), as mulleres que admiro … Non sigo as tendencias, senón que son deseños que van contracorrente, por iso tamén son atemporais”

 

IMG_1251
Primeira fase do proceso de creación: deseño e debuxo

 

IMG_1280
Segunda fase do proceso de creación: montaxe da peza

Emprender

O seu día a día é do máis variado, nunca entre as gadoupas da monotonía. Algunhas xornadas traballa intenso no taller, outras dedícase a composición e deseño de pezas, outras a unha labor máis comercial para atender as tendas nas que vende ou encomendas especiais que lle fan, manter a web e as redes sociais, facer fotografías, acudir a feiras…

Ela afirma que “decateime de que o que me facía verdadeiramente feliz era o traballo no taller; crear pezas que fagan sentir ben as mulleres que as poñan. Realmente Planeta Tres Zetas concíboa como unha filosofía que intenta ir contra o consumo en masa e a unificación feminina, pretendo pois, formar un espazo de singularidade que consiga facer que as mulleres se sintan únicas co que se poñan”.

DSC_0155
Un dos colares da colección África

Aínda que así contado soe un oficio idílico, Cruz enfróntase as dificultades propias de querer introducir unha nova marca no mercado, concretamente a pequena escala. Sen dúbida, nestes tempos as condicións para os autónomos son inxustas e máis cando é unha soa persoa a que realiza todo o proceso, dende o deseño da peza ata a venda final. Pese aos obstáculos ela afirma que “estou ilusionada, e iso é un estímulo importante para superalos”

A hora da verdade

A comercialización do produto é a última fase do proceso de elaboración, pero non por iso menos importante. De feito, é imprescindible non só que a peza guste, senón que o cliente quede contento coa atención recibida.

A día de hoxe, Planeta Tres Zetas ten material en tendas de Lalín, Vilagarcía e Santiago. Aínda que a súa creadora di que “ dada a pouca produción, xa que moitas pezas son exclusivas, a presenza en tendas vai a modo. O facebook funciona tamén como unha boa canle de promoción , polo que a través da rede tamén recibo moitos encargos, fundamentalmente de persoas que buscan pezas con cores ou formas determinadas. Un tipo de clienta que teño son as noivas, porque buscan algo en concreto que ademais sexa especial”. Outro modo fundamental de venta desta artesá son as feiras e mercados de artesanía.

 

DSC_0090
Posto de Planeta Tres Zetas no mercado Art&Deco de Santiago de Compostela

A artesanía, sexa do tipo que sexa, é un oficio persoal que require dedicación e capacidade de superación por parte de quen se dedica a ela. Por iso, a sociedade debería poñer en valor os produtos artesanais de calidade e coñecer o traballo que hai detrás de cada peza. Moitas veces, como temos a posibilidade de comprar en grandes cadeas de produción en masa que venden a baixo prezo, esquecémonos de que existe outra maneira de mercar máis singular e directa. Por iso, esta reportaxe pretende recordalo.

Sen artesanía, a inspiración é unha mera caña sacudida polo vento

-Johannes Brahms-

Xiana

Encontros na estación

 

IMG_2360

Estaba sentada esperando polo tren cando el pasou ó meu carón. Levaba unha mochila ó lombo e un sorriso nos beizos.

Andaba de puntillas, como se con cada paso quixera alcanzar as nubes. Pin pin pin. Entrou a saltiños no quiosco de prensa, e saíu do mesmo xeito, pero con tres revistas baixo o brazo. Pin pin pin.

A xente mirábao raro. Non fan falta palabras para definir esas olladas furtivas. Eu mesma podía sentir o peso da etiqueta que lle colgara a sociedade.

Quería dicirlle que ser diferente non era ser defectuoso nesta fábrica na que cortan a todos polo mesmo patrón, e que oxalá seguira camiñando dese xeito que inspira historias.

Non me atrevín. El subiu o tren.

As revistas que levaba eran todas de cociña. Sorrín. O olor da lasaña recén feita danzaba baixo o meu nariz.

 

X