Comprendemos a cultura como algo que recibimos, que somos, mais tamén como algo que facemos e que queremos ser.A lingua propia forma parte da nosa identidade cultural, e como escribía Castelao, “non esquezamos que se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”

O galego é a lingua da resistencia. Despois de moitos anos de mala evolución no uso, implantación e prestixio social, continúa en pé como supervivente dunha batalla lingüística que parece non rematar nunca.

Os datos  falan de por sí. Segundo o Instituto Galego de Estadística (IGE), menos da metade da poboación usa o galego de forma habitual. Concretamente, no 2013 só o 30,84% das persoas responderon que empregaban o galego “sempre”.

O máis preocupante deste retroceso á hora de empregar a lingua propia  é que se acentúa segundo baixa a media de idade. Por pór un exemplo, a porcentaxe máis baixa de galegofalantes dáse dos 5 ós 14 anos cun 13,20%, seguida da franxa dos 15 aos 29 cun 19,78%. Se as novas xeracións non se identifican co galego, cómo poderá sobrevivir o idioma no futuro?

Ante esta complexa situación lingüística, empezan a xurdir voces novas no panorama cultural galego que buscan defender a lingua da mellor forma posible: comunicándose con ela.

 Un exemplo é o grupo de rap galego, SonDaRúa, creadores do tema En galego non mola, que  compuxeron para o concurso de novos valores do Festigal deste ano, inspirados “no auto-odio e neses mitos absurdos que existen para infravalorar a nosa lingua”. Unha canción que tivo boa acollida entre o público, xa que é o vídeo con máis visitas no seu canal de Youtube. A proba definitiva de que gustou, aseguran que foi “cando un día facendo cola no banco, a un home duns cincuenta anos, sonoulle o teléfono, e tiña En galego non mola de tono de chamada”.

Para estes dous mozos, Álex Arnoso e Hugo Guezeta, o galego é “unha matriz inesgotable. Unha lingua sempre é riqueza, e no noso caso temos a sorte de termos unha propia, tarefa nosa é empregala e defendela. A lingua é en resumo, a nosa forma de expresarnos como pobo diferenciado no mundo e a base da nosa cultura”.

O galego, lingua cooficial de Galicia

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado en 1981, recoñece o galego como lingua propia de Galicia e cooficial da comunidade, que “todos teñen o dereito de a coñecer e usar” e, ao mesmo tempo, responsabiliza os poderes públicos da normalización do galego en todos os ámbitos. A Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade o 15 de xuño de 1983 no Parlamento de Galicia, garante e ordena os dereitos lingüísticos dos cidadáns, especialmente os referidos aos ámbitos da Administración, a educación e os medios de comunicación.

Pese a oficialidade destas palabras, a escritora Lara Dopazo, pensa que a caída de falantes se debe “ás políticas lingüísticas. Non se fixo ningún esforzo por facer que o número de falantes se mantivese ou medrase, como se fixo co caso do éuscaro, que é un caso paradigmático, sobre todo tendo en conta que se trata dunha lingua non romance”

 Un resposta á que o poeta Antón Blanco engade, “a política lingüística vai claramente en contra do galego. Hai moitos anos que se está empregando un discurso que non serve. E non serve porque os datos están aí. A resposta ante os datos é culpar á xente de non ter compromiso co idioma. É como se suspendes un exame pero comezas a convencerte a ti mesmo de que a culpa non é túa, que é do profesor. Hai que ser autocríticos sempre. Creo que temos que deixar de mirar con lástima o galego e de facer coma quen está mendigando por falantes. Temos que darlle unha nova vida de verdade. A administración non é a responsable de que iso pase. Non podemos esperar que nos caia nada do ceo. É necesario un cambio na sociedade para que todo o demais cambie e iso só se pode dar de abaixo cara a arriba”

Polo tanto, as políticas de revitalización dun idioma son claves na sustentabilidade da comunidade cultural en varios sentidos: factor de identi­cación común, nexo de continuidade cunha rica tradición e historia e activo para o desenvolvemento dunha comunidade de comunicación.

“O que non se pode facer é que dende a principal administración autonómica ollen impasibles namentres o número de falantes cae cada ano, semella que é o que pretenden, converter a lingua en simple folclore co que cumplir dous días ao ano”, SonDaRúa

 Perspectivas de futuro 

Na era globalizada e dixitalizada na que vivimos, unha maneira de chegar á poboación máis nova é a través de referentes. Así o pensa Antón Blanco, que considera que “son moi necesarios, pero non calquera tipo de referente. Teñen que ser referentes pola súa actividade, non pola lingua en que falan. Tampouco non vale que estean a dicir en todo momento que o fan en galego. Fan falta escritores, músicos, youtubers que fagan o seu traballo en galego porque este é o seu idioma e punto. Niso consiste a normalización”.

 No ámbito social, a solución que defenden todos os entrevistados é que hai que traballar na idea da igual dignidade de todas as persoas e culturas. O galego non é unha lingua secundaria, nin inferior. Por iso, están de acordo en que Galicia precisa enfocar os seus esforzos na educación para conseguir acabar co auto-odio cara ó idioma propio, que é algo que desgrazadamente segue estando no subconsciente colectivo.

 Dende o seu punto de vista, SonDaRúa, pensa que a solución para que a lingua sobreviva e alcance o prestixio que merece é “por unha banda empregala en tódolos ámbitos da nosa vida cotiá, sen medo, sen reticencias e con orgullo. Por outra parte, tamén sería básico que o peso da lingua galega na ensinanza pública en tódolos níveis fose o que debería for. Xunto con estes dous piares básicos habería moito máis por facer e co que sumar (xornais, canles de tv, radios, música, etc..). Como ben se dí, “loitaremos polo idioma, porque a loita significa que hai esperanza

 

*Anotación: Este artigo escribino en Decembro do 2017 para unha materia na que tiña que desenvolver unhas pautas concretas. A pouca marxe que tiña para elaboralo fixo que me tivese que centrar en dúas fontes masculinas (os únicos que responderon a tempo). Contactara con outras dúas rapazas que no último momento non puideron participar, polo que para meter unha voz femenina empreguei unha breve declaración de Lara Dopazo que corresponde a outro traballo que fixen sobre o uso do galego.                                            Admítense críticas constructivas para poder mellorar en futuros traballos. 

X

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s