Elena Ferro: “Queremos que o zoco esté á altura de calquera zapato bo”

Elena Ferro leva nas súas costas o peso de ser a terceira xeración dunha familia de zoqueiros. Este mesmo ano, o taller no que traballa cumpría o seu 100 aniversario cheo de vida. En parte, grazas a ela.

As súas mans foron capaces de converter unha peza tradicional que estaba en desuso, no último chío de moda. Pois detrás da súa marca Eferro, atópanse os zocos máis coloridos e orixinais dispoñibles no mercado, así como unha ampla variedade de marroquinaría.

Que unha das súas creacións gañase o Premio de Artesanía Contemporánea Antón Fraguas Fraguas, supuxo todo un recoñecemento ó seu esforzo. Non obstante, non subiu o ego dos integrantes deste oficio familiar tan honesto.

Eran as catro menos dez dun sábado cando puxen os pés en Merza, parroquia que se localiza no concello de Vila de Cruces e berce de Elena Ferro. É alí onde se encontra o seu taller-tenda, previamente sinalizado polo camiño.

Na entrada atopámonos co pai da entrevistada, a segunda xeración desta familia de zoqueiros, que moi amablemente nos convidou a entrar cun “pasade, pasade, Elena estará dentro”. Ao abrir a porta descúbrese un mundo de peles, ferramentas, coiros, productos á venta…Un espazo verdadeiramente acolledor.

elena ferro foto
Imaxe de El Correo Gallego

XianaComo é un día na vida de Elena Ferro dende que amanece ata que se deita?

Elena Ferro: A verdade é que iso nunca mo preguntaron, ja ja. Pois é como o de moitas persoas…Bueno, un pouco a miña vida así en xeral,o sentimento que teño é o de non desconectar. Estou sempre un pouco  traballando, non como outra xente que pode saír do seu traballo e non volve pensar máis niso ata que volve entrar. O meu é continuamente. Saío do taller pero vou pensando en montaxes para Facebook, ideas novas… E moitas veces, o traballo máis importante que fago non se me ocorre no taller. No taller o que fago é procesalas.

X: Pero tes un horario fixo de traballo?

Sí. Bueno, inténtoo. Facemos moitas horas. Chego ó taller aás 10 da mañá, estamos ata á una e media. Como en media hora e sobre as dúas e media xa estou no taller outra vez ata as oito da tarde. Cando temos feiras pois levántaste ás seis e media da mañá, e volves á casa pois a iso das doce da noite…Depende. No verán as feiras son máis cansadas. O que estamos intentando agora que está a cambiar a forma de venta é facer menos feiras e vender máis aquí, no taller.

X: Eres a cara máis coñecida da marca, en que momento tomas o relevo xeracional? É dicir, que sexa a ti á que se che coñeza.

Bueno, eu sempre estiven no taller, xa dende pequeniña. Para explicarche xa de onde sae a marca, cando eu tiña once ou doce anos, e aínda estaba no colexio, fixen un cuño que poñía Eferro. Daquela xa facía algunhas cousas de coiro (como pulseiras, monedeiros..) e  quixen poñerlle a miña marca. Pois a partir de aí, a cousa foi cada vez a máis. Despois fixen outro cuño mellor ca ese…E a marca ven de aí. Eu sempre me quedei no taller traballando. Cando se xubilou meu pai, que foi no 2001, xa foi cando quedei eu e tamén a miña irmá Teresa, que tamén está a traballar aquí. Pero a marca xa sempre quedou Eferro, xa que me encargo eu da parte creativa, do diseño e un pouco de todo.

X: E como é traballar en familia?

Está moi ben, é moi bonito. Pero bueno, eu creo que como en todos os traballos, hai que intentar levarse ben, o mellor posible, porque a parte de traballar, comemos xuntos…

X: A verdade é que é moito tempo xuntos…

Xa. Pero iso, hai que intentar levarse o mellor posible. Pero bueno, no noso caso eso vai funcionando ben. Imaxínate que con todo o tempo que pasamos xuntos discutíramos moito…Pero non, non discutimos. Ás veces temos as nosas cousas pero como todos. Antes só estábamos a familia, agora temos máis xente traballando…pero ó final coma se foran da familia. Non deixa de ser un taller pequeno.

Cando un entra no universo do taller non repara no seu tamaño. Só é capaz de contemplar con admiración todo o que hai ó seu redor. O espazo é un equilibrio entre o tradicional e o moderno, unido polo fío do agarimo. A venta faise de maneira persoal, como se foses un vello amigo ao que se alegran de ver. Alí eres un individuo con identidade, non unha cifra do beneficio total.

X: Viches disminuídos os prexuízos que había cara ós zocos?

Sí, claro. En pouco tempo pasouse de que ninguén quería zocos e todo o mundo se ría deles, a rirse porque lle gustan. Agora ata a xente máis reacia, como están de “moda”, tamén os queren. Iso é un pouco a parte máis bonita e máis interesante. É un oficio que estaba a punto de desaparecer, e na actualidade reactivouse e funciona. Agora xa hai máis xente que fai zocos, dende que nós os volvemos pór en circulación. E iso é moi bo.

X: Ousexa, a competencia afrontádela de maneira positiva?

Sí, por suposto. A competencia é boa. Porque se non acomódaste. A parte de que cando hai demanda de algo, é porque algo funciona. Nós non somos una fábrica de facer zocos. E hai xente para todos os gustos, haberá a quen lle gusten os nosos zocos e a quen lle gusten outros.

X: Por que pensas que se puxeron de moda os zocos?

Eu creo que foi un pouco polos diseños que nós empezamos a usar, as peles que empregamos, con estampados animais, de pelo…E como xa tiñamos un bagaxe moi grande indo a moitos sitios e a moitas feiras…Pois uns foron comprando os zocos, outros fóronos vendo. E así empezaron a gustar. O máis importante é que o boca a boca funcione. Se hai algo de calidade, a xente comeza a falar ben diso. Pequenas notas de prensa e as redes sociais. As redes sociais foron como o empuxón final.

X: Con eses montaxes que hai no Facebook…

Sí. Iso empeceino facendo como un pouco de broma, como algo que a min me relaxaba e me quitaba de pensar en modelos exclusivamente de zocos. E con esas montaxes diferentes e divertidas pois sácaslle un sorriso á xente, que iso tamén é importante. Non significa que todas as persoas que lle dan a gústanme ou que sigan a nosa páxina compren zocos pero o importante é que saiban que hai zocos. E que asocien como fan agora, que non din quero uns zocos, din quero uns Eferro, e iso xa significa que son zocos. Conseguir iso é moi difícil. Moita xente pensa que lle pagamos a un creativo para que faga as montaxes, pero facemos todo aquí cas cousas que nós temos o noso alcance. E iso foi como o empuxón, porque cando vían os zocos sólos era como bueno, sí, bah..Pero en canto viron toda a creatividade que había detrás diso, pois como que reforzou a idea.

X: Pero hai moito traballo detrás.

Claro, e tamén hai moita xente que pensa que se nos ocorreu facer zocos de hoxe para mañán. E non. Chegar ata onde estamos agora non foi así dun día para outro.

X: De onde sacabas a forza cando a xente che dicía por que seguías sendo zoqueira se xa non se vendía, non valía para nada, ou cando non gustaban..De onde sae esa actitude tan positiva?

Non sei, penso que por crer no que fas. Claro que se riron moitas veces dos zocos diante miña. E ás veces penso cando ven algunha xente que é o prototipo de persoas que fai dez anos se riría por completo dos zocos tradicionais, faime gracia, mira ti, nunca podes cuspir para arriba, porque…Pero iso forma parte tamén da ignorancia. Os zocos claro que eran un calzado que era da xente do campo, máis pobre materialmente pero non culturalmente.. Pois rirse diso non está ben. E moita xente pasou de comprar zocos a escondidas a ser un luxo. Aínda que están ó alcance de case todo o mundo, nos intentamos axustar os prezos. Pero queremos que o zoco esté a altura de calquer zapato bo, de calidade.

X: É dicir, que teñan valor

Iso, que teñan valor. Que están feitos con bos materiais, calidade e garantía. Sacalos de onde estaban e poñelos a altura de calquer zapato. O noso obxectivo nunca foi que se convertiran nun calzado de moda, senón que esté aí, se alguén quere zocos, que saiba que hai zocos. Non que digan ah! Era aquel calzado que usaban na aldea…Entonces pois no meu caso será tamén porque me gustaba facelos e nunca me avergoncei do que sabía facer, porque cría niso e facendo pequenos cambios, pois diferenciábanos a parte da marroquinería. Ninguén os facía e tiñamos que aproveitar ese recurso que tiñamos en vez de tiralo ó lixo.

X: Agora unha pregunta máis xeral. Como ves a situación da artesanía galega? Consideras que agora ten máis prestixio que antes?

Sí, moito mellor. Dende fai dez anos para aquí ou así está mellor. Valórase máis, xa non se busca tanto o prezo máis baixo das cousas, senón a exclusividade. Productos diferentes e co valor engadido de estar feito a man. Antes non había esa concepción, aínda que había xente que o valoraba. Agora, ó ver que algo está feito a man, pois xa non se regatea como anos atrás. E bueno, iso axuda moito a hora de poder vivir disto.

X: Que pensas que influenciou ese cambio de concepción da artesanía?

Pois creo que un pouco todo. Empezar a primeiro a valoralo dende o propio artesán, que moitas veces nin el mesmo lle daba o valor que tiña. Era algo como bueno, fago esto pero non ten mérito. A xente en xeral quere escapar da masificación, que parece que todos imos iguais. Nótase nas feiras as que acudimos, aí é onde se ve.

X: Que papel xoga a muller neste sector? Hai desigualdades como noutros?

Sí, home.

X: Por exemplo?

Non tanto á hora da fabricación, pero vas a unha feira e xa o notas. Por exemplo, non sabes en que posto che toca, pois é diferente o trato que recibes. E bueno, eu dende pequena sempre o teño notado. Xa só nos sitios os que imos comprar materiais, por suposto que non te tratan igual. É diferente se vou eu soa a si ven meu pai comigo. Se vai meu pai é dunha maneira e se vou eu soa son a nena. E iso, vamos, parece mentira que hoxe en día exista. En moitísimos aspectos, non é necesario afondar. Creo que en calquer traballo sucede.

X: Xa para rematar, se non foras zoqueira que che gustaría ser?

Pois non sei…Hai moitas cousas que me gustan. Por exemplo cociñeira ou xardineira. Non sei. Case que cociñeira. Gústame moito ver cociñar, paréceme bonito. Gústanme os libros de cociña. Case nunca cociño, pero cando o fago reláxome e gústame. Penso que podería ser un oficio que se me daría ben.

X

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s